En poucos días dá comezo un novo curso escolar, aínda que para moitas de nós non houbo desconexión estival no que aos asuntos do cole se refire. Como saberedes a maioría, este verán tocou pelexar duro polos dereitos do alumnado galego, sobre todo polo alumnado do rural, ese que segue estando de último na fila das oportunidades, por moito que a algúns se lles encha a boca enumerando a cantidade de medidas e recursos que poñen á disposición dos nosos cativos nas escolas públicas galegas.
A lei de educación vixente, a LOMLOE, establece como un dos seus obxectivos primordiais garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para todos os estudantes. O preámbulo e os artigos centrais desta lei poñen unha énfase particular na redución de desigualdades no sistema educativo e na promoción dunha atención personalizada que permita a cada alumno e alumna acadar o seu máximo potencial. Da mesma maneira, apunta que os centros educativos deben contar con “recursos humanos, materiais e organizativos suficientes” para atender as necesidades dos estudiantes”, de maneira que a redución do número de docentes é unha medida que claramente entra en contradición co que expresa a lei, xa que compromete a posibilidade de ofrecer unha educación inclusiva, personalizada e de calidade, tal e como esixe a lei.
Ignorar todo isto, da forma que o está a facer a Consellaría de Educación, é unha violación dos dereitos do alumnado, e por iso non imos deixar de esixir que se cumpra a lei.
Un dos nosos obxectivos, como ANPA, é que as familias esteades ao tanto deste tipo de vulneracións, que en moitas ocasións nos pasan por alto.
Este novo curso que comeza, comezamos con menos recursos no noso cole, menos profesorado do que nos corresponde e polo tanto menos posibilidades.
Se aínda non te asociaches á ANPA, considérao. É unha das vías que temos as familias para defender os dereitos dxs nosxs fillxs, e tamén para colaborar co cole e conseguir melloras e moito máis!
Podes descargar aquí a ficha e facérnola chegar ao correo anpaveleirodocampo@yahoo.es
Bo curso para todxs!
Deixa unha resposta