
Que é o MOVEMENTO ADOLESCENCIA LIBRE DE MÓBILES?
Adolescencia Libre de Móbiles son miles de familias preocupadas pola relación da nosa infancia e adolescencia cos smartphones e as redes sociais, unha tecnoloxía que pon internet ao seu alcance en calquera momento e lugar, afectando á súa sociabilidade, aprendizaxe, concentración, sono e autoestima, ademais de favorecer o acceso a contido inapropiado para a súa idade, o ciberacoso e dar lugar a condutas adictivas.
Que buscan?
Moitas familias entregaron o smartphone porque os seus fillos e fillas non foran os únicos que non o tiñan. Queren cambiar esta presión social e para iso necesítase apoio colectivo para atrasar a idade na que lles damos un smartphone.
Propóñennos unirnos a este pacto de familias. Está nas nosas mans reducir a presión social que sofren e cambiar esa regra non escrita que nos levou a entregar este dispositivo xeralmente ao inicio da ESO.
Non estamos esaxerando?
En decembro de 2024, a Asociación Española de Pediatría actualizou as súas recomendacións por idade para o uso de pantallas:
13-16 anos: menos de 2 horas de pantalla ao día, incluíndo tempo escolar e deberes. Priorizar teléfonos sen acceso a internet e atrasar a idade do primeiro smartphone.
7-12 anos: menos de 1 hora de pantalla ao día, incluíndo tempo escolar e deberes.
0-6 anos: 0 pantallas, non existe tempo seguro de uso.
Como funciona o pacto?
1. Enche o pacto por cada un dos teus fillos ou fillas.
2. Ao facelo comprométeste a atrasar a entrega do primeiro smartphone, a ser posible, ata os 16 anos. Este compromiso será anual e renovarase automaticamente a non ser que solicites darte de baixa do pacto.
3. A información tratarase de forma anónima e compartiranse os resultados por zonas, escolas e cursos para coñecer o número de familias adheridas ao pacto e reducir así a presión social.
Desde a ANPA do CEIP Veleiro Docampo queremos propoñervos unirvos a este pacto entre familias para atrasar a entrega, ás nosas fillas e fillos, dun smartphone ata os 16 anos; tal e como promove o Movemento Adolescencia Libre de Móbiles.
Tedes aquí, arriba, a presentación que xustifica os motivos polos que se considera tan importante que as familias nos comprometamos a atrasar o máximo posible a compra ás nosas fillas e fillos de dita ferramenta.
Así mesmo, nesta ligazón podes adherirte a este pacto. https://www.pacto.adolescencialibredemoviles.es/index.php?key=c&curso_escolar=24-25&idioma=gl (No buscador escribes Veleiro e xa sae o noso centro educativo).
ENTRE TODXS, PODEMOS VENCER A PRESIÓN!
Deixa unha resposta